Pasar al contenido principal

O CPEIG súmase ao Galician Innovation, previsto para maio

Logo Galicia Innovation

A cidade da Coruña acollerá os vindeiros 29 e 30 de maio o evento Galicia Innovation, organizado pola aceleradora TIC galega Zarparmos e GlobalNova Trade, especializada en marketing e adaptación a mercados internacionais, e promovido pola Fundación Ronsel, experta en formación empresarial para emprendedores. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participa na difusión do evento e os seus colexiados, ao abeiro desta colaboración, obteñen un desconto do 20% na cota de inscrición no encontro.

Galicia Innovation é un evento anual que achegará visibilidade e fomentará  o intercambio e enriquecemento  entre emprendedores de diferentes países mediante mesas de traballo, relatorios, xornadas de networking, etc.  Nesta primeira edición, o país convidado é Israel. 

O evento divídese en dúas xornadas. Durante a primeira delas, os asistentes poderán escoitar e participar en mesas de debate sobre internacionalización, innovación, investimento e experiencias emprendedoras con expertos internacionais: Shira Abel, especialista de marketing internacional para startups e directora de Hunter&Bard; Noam Wekser, especialista en innovación e desenvolvemento de equipos; Noga Kap, experta en investimentos e mentora en StartHub; Gil Shay, emprendedor en serie e mentor en StartHub; Gil Canaani, experto en capital risco e capital privado; Omer Pomerantz, experto en Ideación e responsable de Java Mobiley Embedded Solutions en Oracle; Eyal Benjamin, director da aceleradora israelí StartHub; e, finalmente, Ami (Aldo) Levin, ministro-conselleiro de Economía e Innovación da Embaixada de Israel en España.

Tamén participarán representantes locais: Fernando Vázquez, director de Imatia; Manuel González Penedo, da UDC; Miguel A. Díez Ferreira, fundador e CEO de Rede Karaoke; Ramón Saltor, CEO en The Crowd Angel; Frankie Gómez, fundador e CEO de Confirmsign ou Manuel Antonio Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia. 

Ao remate do día, celebrarase unha cea networking privada onde os asistentes poderán establecer liñas de colaboración.

Na segunda xornada do encontro, os protagonistas serán os emprendedores, quen poderán expoñer os proxectos previamente escollidos. Os mellores proxectos optarán a participar no programa de cooperación internacional de Zarpamos-Starthub, incluída unha viaxe a Israel durante oito semanas para potenciar a súa adaptación, coñecemento e expansión internacional.

O prazo de inscrición para a presentación de proxectos remata o 1 de maio e pode facerse a través da propia web www.galiciainnovation.com, onde as persoas interesadas dispoñen de máis información sobre o evento.