Pasar al contenido principal

Novo numero da revista TIG@

Revista TIG@

Un novo número da revista TIG@ vén de saír á luz. Trátase da quinta edición da revista do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

A publicación inclúe unha entrevista a Javier García Tobío, director do CESGA, quen realiza un detallado repaso aos proxectos desenvolvidos polo centro, ademais de esbozar a folla de ruta para os vindeiros anos. Entre os articulistas, destaca a achega de Rafael Álvaro Millán Calenti, doutor en dereito, letrado da Xunta de Galicia e profesor de Dereito Mercantil da USC, quen escribe sobre o valor xurídico de facer "clic" en acepto ao navegar na Internet.

Dentro da información relativa á actividade do CPEIG, destaca unha reportaxe sobre a recente presentación do Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, que se deu a coñecer na Facultade de Informática do campus ourensán. Sobre este mesmo traballo versa o artigo que asina, coma en cada número, o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo.

A revista ofrece, asemade, unha entrevista a Pedro Sánchez Cordero, enxeñeiro en Informática e colaborador do CPEIG, que impartiu recentemente o curso Especialista Avanzado en Forensics. Nas súas declaracións, aposta pola peritaxe informática coma unha profesión de futuro.

Un repaso ao Día da Protección de Datos e ao programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, xunto cunha revista de  prensa e os beneficios de colexiarse no CPEIG, pechan o quinto número de TIG@.