Pasar al contenido principal

Os grupos parlamentarios recollen a preocupación pola equiparación dos títulos universitarios de enxeñaría anteriores a Bolonia

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 24 abril de 2014.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de recibir unha comunicación do Grupo Parlamentario Mixto no Congreso dos Deputados en relación á pregunta realizada por unha deputada sobre a equiparación dos títulos universitarios de enxeñaría obtidos cos plans antigos, anteriores ao Plan Bolonia. A cuestión recolle a preocupación manifestada polo CPEIG aos distintos partidos do arco parlamentario en diversas xuntanzas de traballo.

En concreto, a deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Rosana Pérez Fernández, expón as seguintes cuestións na súa pregunta por escrito dirixida ao Goberno central:

  • Por que razón non resolveu aínda o Ministerio de Educación o problema da falla de equiparación dos títulos universitarios de enxeñaría dos plans de estudo anteriores ao Plan Bolonia co nivel de máster actual?
  • A que se debe este retraso que está prexudicando a moitos enxeñeiros e enxeñeiras con anos de experiencia que se ven obrigados a emigrar a países estranxeiros para poder traballar?
  • É consciente dos problemas que ademais lle causa a moitas empresas españolas de enxeñaría á hora de concursar a obras en países de América Latina, Estados Unidos ou Canadá onde se esixe o nivel de mestría?
  • Vai o goberno solucionar ese baleiro legal canto antes?
  • É consciente de que está prexudicando a moitas persoas que diante da falla de expectativas laborais no Estado español se ven obrigadas a emigraren pero se atopan con obstáculos deste tipo?
  • Cando vai solucionar este tema?

Resposta do Goberno

Como resposta do Goberno, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte amósase consciente do problema no que se atopan os universitarios españois que obtiveron un título anterior á posta en marcha do Espazo Europeo de Educación Superior (EES) e afirma "estar traballando na busca dunha solución, que debe afectar non só aos colectivos de enxeñeiros, senón a todas as titulacións anteriores á posta en marcha do EES".

Asemade, a resposta do Goberno sinala que resolver toda esa casuística "trae consigo a complexidade do asunto, posto que é vontade do Goberno resolvelo de modo axeitado para todos". Remata prometendo que espera, "nas vindeiras datas ter unha proposta que permita acadar unha solución a esta situación".