Santiago de Compostela, 21 de maio de 2014.- As empresas tecnolóxicas Torus Software Solutions (Torusware) e Igalia recibirán os premios Iniciativa Emprendedora e Iniciativa Empresarial, respectivamente, concedidos polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Os galardóns entregaranse no marco da Sexta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o vindeiro 13 de xuño. Ambas as dúas empresas, con sede na Coruña, representan dous casos de éxito promovidos por enxeñeiros en Informática.
Torusware
Torusware, elixida como mellor iniciativa emprendedora polos colexiados a través dunha enquisa no portal do CPEIG, constituíse en 2013. Esta spin-off da Universidade da Coruña naceu para a comercialización dun conxunto de tecnoloxías desenvolvidas polo grupo de investigación do Grupo de Arquitectura de Informática nos últimos 10 anos. A compañía desenvolve e comercializa solucións de software para reducir os tempos e maximizar resultados de negocio a través da computación de alto rendemento, centros de datos empresariais, web 2.0, a nube, o almacenamento e os servizos financeiros. As principais áreas de aplicación son a informática, a enerxía, a I+D, a defensa e os servizos financeiros, en contornas nas que o tempo de resposta ou o custo de funcionamento da infraestrutura é un elemento crítico no sistema de información.
Guillermo López e Ramón Coallo son os fundadores desta empresa, posta en marcha co apoio do Fondo de Ciencia da Fundación Barrié. Cómpre sinalar que Torusware conta no seu equipo con dous enxeñeiros en Informática que mereceron o recoñecemento do CPEIG polos seus proxectos Fin de Carreira: Daniel Fernández, premiado en 2011, e Roberto Rey, galardoado en 2010. O premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG súmase aos numerosos recoñecementos obtidos por esta compañía na súa curta traxectoria, como son o de Mellor Empresa de Base Tecnolóxica no certame da USC ou o último Venture Network Vertical, do IE Business School.
IGALIA
Pola súa banda, Igalia naceu en 2001 na Coruña da man de dez enxeñeiros en Informática, co obxectivo de crear unha empresa baseada na cooperación, a innovación, a responsabilidade compartida e o software libre. Na actualidade, a empresa ten un equipo de 40 persoas que traballan desde oficinas de diversas cidades de España e doutros países, como os Estados Unidos, Corea, Finlandia e Suíza, ofrecéndolle os seus servizos a clientes de todo o mundo.
Tras comezar como empresa especializada en plataformas de software libre, Igalia soubo adaptarse ás necesidades do mercado e, hai tres anos, orientou o seu negocio ao desenvolvemento dos motores web Webkite e Blink, que se usan como base dos navegadores Safari e Google Crome. Isto permitiulles converterse na primeira empresa consultora independente para servizos de mellora do navegador, cun volume de vendas anual que rolda os dous millóns de euros. Cómpre sinalar tamén a aposta de Igalia pola Responsabilidade Social Corporativa, cun investimento do 0,7% da súa facturación en distintas ONGs e a creación dun premio Fin de Carreira en software libre. Ademais, forma parte da Asociación Galega de Software Libre (Agasol) e de fundacións internacionais como Linux Fundation, Gnome, Genivi e W3C.
SOBRE O CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.