Pasar al contenido principal

A falta de regulación continúa sendo un lastre para a profesión de Enxeñaría en Informática

Símbolo do CPEIG

O pasado mes de abril CCII tivo coñecemento de que o Ministerio de Educación estaba a emitir certificados para acreditar a correspondencia entre os actuais títulos de Master e os antigos de Enxeñeiros para achanzar o camiño que algúns profesionais da enxeñaría española estaban a ter á hora de exercer en Europa.

Ao tratarse de algo que tamén afecta a membros do noso colectivo, CCII solicitou ao Ministerio unha certificación na mesma liña, co obxecto de que os nosos profesionais non se vexan prexudicados á hora de exercer en Europa.

A resposta do Ministerio foi denegatoria, utilizando o argumento de que non somos profesión regulada. Unha vez máis, o argumento de que non sexamos unha profesión regulada é utilizado para algo que pouco ten que ver co substantivo dunha profesión regulada, como é a equivalencia duns estudos actuais a outros pasados. O resto dos estudos de enxeñaría que teñen unha estrutura idéntica á dos nosos estudos conta cun aval do Ministerio que os nosos profesionais non teñen, o cal, obviamente, non beneficia a ninguén e prexudica o emprego no noso colectivo.

Lamentamos, unha vez máis o trato discriminatorio que sofre a nosa profesión que lembramos é exercida por miles de profesionais que cursaron unha titulación universitaria oficial de grao superior que se imparte nas universidades españolas desde que en 1976 se creara o título de Licenciatura en Informática na Universidade Politécnica de Madrid e mesmo antes, xa que os Técnicos de Sistemas titulados no Instituto da Informática creado en Madrid en 1969 foron convalidados a Licenciados en Informática.

O Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática seguirá reclamando para a enxeñaría en informática o mesmo trato que reciben todas as demais enxeñarías que se imparten nas universidades españolas.