Pasar al contenido principal

O CPEIG patrocina o Smart Weekend da Coruña que se celebra esta fin de semana

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos patrocinadores do Smart Weekend, o novo evento da Coruña que se desenvolverá durante os días 6, 7 e 8 do presente mes de xuño. O encontro reúne actividades de ámbito tecnolóxico tanto no eido do lecer coma no do desenvolvemento.

Cunha cantidade inicial de 500 postos de rede-Lan e unha conexión de alta velocidade por cortesía de R, durante a Smart Weekend realizaranse actividades variadas dentro de tres apartados: smart-Dev, para fomentar as relacións entre os freelance da informática e o deseño coas empresas do sector; smart-Lan, co formato de Lan-Party, onde os usuarios poderán intercambiar información a través dun servidor de DC, participar en actividades, torneos de videoxogos e gañar premios; e, por último, o concurso Smart-Ideas.

En concreto, o CPEIG patrocina a parte de Smart-Ideas, unha competición organizada polo equipo da Coruña Smart City na que os cidadáns teñen a oportunidade de expoñer ideas innovadores que melloren os servizos e a eficiencia da localidade herculina para facer da Coruña unha cidade máis intelixente.

Francisco Javier Rodríguez Martínez, subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e vogal do CPEIG forma parte do xurado de smart-Ideas. O representante do CPEIG contribuirá a valorar a mellor opción das presentadas desde o punto de vista da Enxeñaría en Informática, ao tempo que participará na entrega de premios.