Pasar al contenido principal

Carta ao xuíz Aláez

Símbolo do CPEIG

Nos últimos días transcendeu aos medios de comunicación o informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios no que se confirma que "Renfe desconectou o dispositivo de freado inicial por problemas informáticos" e apúntase a "fallos de compatibilidade no software de trens e vías" e "incompatibilidades nos sistemas informáticos". O dispositivo de freado desconectado é o ERTMS que é o sistema informático que podería evitar a traxedia.

O Consejo General de Colegios Profesionaless de Ingeniería en Informática (CCII), a través do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), mostrou ao xuíz instrutor da causa a súa estrañeza ao constatar, tamén polas informacións vertidas aos medios de comunicación, que non se requiriu a participación no equipo de peritos que tratan de esclarecer as causas do sinistro de ningún Enxeñeiro en Informática. Resulta mesmo máis incomprensible este feito se se ten en conta que en agosto de 2013 ambas as corporacións remitíronlle unha carta na que se puñan á súa disposición para colaborar na investigación.

Cabe lembrar que os únicos titulados universitarios de grao superior competentes para asegurar, xestionar, auditar e certificar a calidade dos desenvolvementos, procesos, sistemas, servizos, aplicacións e produtos informáticos son os enxeñeiros en informática e que por tanto, sen prexuízo da participación de profesionais doutras ramas da enxeñaría nunha causa tan complexa, non se entende que non se solicitou proba pericial realizada por un enxeñeiro ou unha enxeñeira en informática.

Na misiva remitida ao xuíz Luís Aláez reitérase a plena dispoñibilidade dos colexiados pertencentes ao Corpo Oficial de Peritos do colexio galego para pór ao servizo da investigación os coñecementos técnicos e profesionais necesarios para, na medida do posible, axudar a esclarecer aquelas cuestións que se atopen dentro do ámbito das nosas competencias.