Pasar al contenido principal

Mar Pereira inaugura o Foro para a calidade do software organizado polo CPEIG

Inaugruación Foro para a Calidade

Santiago, 10 de xuño de 2014.- A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou esta mañá en Santiago o Foro para a Calidade do Software, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración co departamento autonómico.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta destacou a importancia da calidade dos software para garantir a dispoñibilidade dos servizos que presta a Administración e evitar o impacto económico que conlevan os fallos dun software de baixa calidade. Tamén fixo fincapé na importancia compatibilidade dos software para facilitar a interoperabilidade de sistemas e aplicacións así como a súa reutilización por parte doutras Administracións públicas. Neste sentido, recordou que o uso compartido de recursos, sistemas e infraestruturas entre Administracións permite reducir custos, evitando a duplicidade de investimentos.

Mar Pereira lembrou que unha das liñas de traballo deste departamento é velar por que o software empregado na Administración autonómica teña un bo nivel de calidade cuns custos controlados. Por iso a Amtega conta con controis de calidade nos diferentes departamentos de xestión de proxectos, ademais dun departamento específico con competencias en calidade, onde se definen os requisitos de calidade que debe cumprir o software e onde se audita o cumprimento dos mesmos.

Foro

Na xornada se abordan aspectos como as normas de calidade ISO 9126, ISO 25000, Débeda técnica, Métricas, Integración continua, Axilidade, Auditorías e Externalización do Desenvolvemento, entre outros.

Con esta iniciativa proponse un marco de reunión, debate e divulgación para investigadores, empresas, universidades e profesionais interesados en aumentar o valor que achegan aos seus negocios, en base ao control e optimización da Calidade dos Produtos que o sustentan.

Os asistentes terán a oportunidade de coñecer as diferentes normas de xestión de calidade no ámbito das TIC, casos de éxito de empresas, compartir experiencias de implantación, e participar en mesas redondas por temáticas.

Obxectivo

O CPEIG, organiza esta xornada, en colaboración coa Amtega, para ofrecer ferramentas ás empresas en xeral, e en particular as TIC, e ás administracións publicas, cuxos profesionais se enfrontan a un novo paradigma nos servizos que prestan aos seus clientes ou aos cidadáns coa utilización das últimas tecnoloxías.

A velocidade de aparición e de adopción das novas tecnoloxías repercute nun aumento exponencial das oportunidades de negocio, pero tamén dos riscos en termos de seguridade, implantación e usabilidade das mesmas.