Pasar al contenido principal

O CPEIG, pioneiro do dominio PUNTOGAL, a prol da difusión da lingua e cultura galegas

Símbolo do CPEIG

A Asociación Puntogal escenificou, a través dun acto público, a posta en marcha dos primeiros dominios .gal. O acto tivo lugar na mañá do día 22 de xullo coa comunicación aos xornalistas da listaxe das solicitudes aprobadas, entre elas a do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.  

O acto tivo lugar no Museo do Pobo Galego, cunha importante asistencia de representantes da sociedade civil, do eido cultural e político. O dominio .gal representa para o CPEIG un decidido impulso para a difusión e coñecemento da lingua e cultura de Galicia.  

Durante máis de sete anos, Puntogal traballou co obxectivo de conseguir un dominio propio na Internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na Rede e no mundo. Conseguiu máis de 12.000 apoios cidadáns e a adhesión de máis de 110 entidades. O ICANN aprobou o dominio o 14 de xuño do ano pasado.

A comunidade galega no mundo, con máis de catro millóns de persoas, a nosa lingua e a nosa cultura acadan unha marca propia coa que identificar todos os contidos que xera na Rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global.

O dominio está xestionado pola Asociación Puntogal e os ingresos económicos que se xeren servirán para o mantemento do propio dominio e, no caso de producírense beneficios, investiranse no fomento da lingua e a cultura galegas dentro do eido das novas tecnoloxías.