Pasar al contenido principal

O Presidente do CPEIG, premiado polo Colexio de Castela e León pola súa Traxectoria Profesional

Fernando Suarez Premio Traxectoria Profesional

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2015.- O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, recolleu na noite do pasado día 15 de maio o "Premio i3 á Traxectoria Profesional" que lle concedeu o Colexio de Informáticos de Castela e León dentro da gala celebrada no Mirador de Cristal do Museo da Ciencia de Valladolid.

Entre os méritos que se lle recoñecen, destaca o prestixio de Suárez Lorenzo (Ferrol, 1973) dentro do sector e dentro do colectivo profesional da Enxeñaría en Informática. Responsable na actualidade de Innovación do Concello de Santiago de Compostela, forma parte moi activamente do movemento que impulsa as cidades intelixentes (Smart Cities) en España.

No eido colexial, é o vicepresidente primeiro do Consello Xeral da Enxeñaría Informática (CCII nas súas siglas en castelán) desde a súa fundación e presidente do CPEIG tamén desde a súa creación no ano 2007.

Enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña, é profesor de diferentes masters na Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, colabora coa Axencia da Calidade do Sistema Universitario de Galicia e con ANECA na comisión de avaliación de diferentes titulacións no eido das enxeñarías e da Enxeñaría en Informática.

A persoa, centro da sociedade da información

Nas palabras que pronunciou ao recoller o galardón, o presidente do CPEIG destacou que a profesión  "está cambiando o noso mundo a unha velocidade  sen precedentes" e destacou o compromiso do profesional "claro e irrenunciable, en construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, empregar e compartir a información e o coñecemento, para permitirlle ás persoas, comunidades e pobos acadar o seu pleno potencial na promoción do seu desenvolvemento sustentable e a mellora da súa calidade de vida".

Asegurou que facía partícipe do seu premio a "tantas persoas que me axudaron nestes anos, cun agradecemento especial aos membros das distintas xuntas do CPEIG e do CCII". Así mesmo, tamén tivo unhas  palabras emocionadas de agradecemento para a súa familia.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.<