Pasar al contenido principal

A campaña da AMTEGA e o CPEIG "1 MES 1 PROFESIÓN DIXITAL" continua en maio cunha xornada centrada nos Contidos Dixitais

Logo 1 mes 1 profesion

Santiago, 20 de maio de 2015.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan para o vindeiro luns 25 a xornada Faite profesional dixital dos contidos dixitais. O encontro, enmarcado na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital, desenvolverase na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Os asistentes ao evento coñecerán, da man de destacados expertos na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público, que porá o peche a esta segunda xornada de 1 mes, 1 profesión dixital.

O Salón 2 do Edificio CINC acollerá de 17.00 a 20.00 horas o encontro, cuxa  inscrición é libre e gratuíta. As persoas interesadas en asistir xa poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan. 

A xornada poderá seguirse tamén a través do twitter co hashtag #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto  http://profesionsdixitais.org/

Programa e os relatores

Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o CoFounder e CEO de Teimas Desenvolvemento, Miguel Varela, abrirá as intervencións co relatorio "Faite experto en xestión de residuos e gamificación". Teimas é unha empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que centra a súa actividade no sector ambiental. Entre os seus traballos destaca o software para a xestión de residuos Teixo.

A continuación, o CEO de Contact Comunicación, César González, falará da xeración de contidos en multipantalla. Contact Comunicación centra o seu labor en innovar no sector do marketing e a comunicación para ofrecerlles ferramentas máis eficaces e eficientes aos clientes, que garantan o retorno de cada euro que se inviste.

Pola súa banda, o xefe de Escola HT A.T0.049 do Real Aeroclube de Santiago, Claudio Guridi, compartirá a súa experiencia na xeración de contidos a través de avións non tripulados ou drons. Guridi é piloto comercial e instrutor con preto de 1.500 horas de voo, das que 800 son como instrutor. Posúe a Habilitación de Tipo como piloto de Boeing-737.

Luz Castro, directora da área In Gaming da empresa Imaxin Software, será a encargada de afondar na adaptación de contidos. O seu labor céntrase no desenvolvemento de xogos interactivos e produtos multimedia.

Finalmente, Esteban Vázquez, socio de Tesla Technologies abordará o perfil profesional dun experto na elaboración de xogos interactivos. Testa é unha empresa especializada en videoxogos e interactivos. Deseña e programa interactivos multiplataforma e acumula unha ampla experiencia en interactivos HTML5-CSS3_Canvas.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais, que se desenvolverá ata outubro, e  que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.

As charlas darán a coñecer novos perfís profesionais dixitais como o de deseñador e programador dixitais, professional blogger, desenvolvedor de apps, especialista en contidos ou análise de datos, técnicos de e-commerce ou experto en marketing online, entre outros. Ademais, tamén se abordarán os cambios que están a afrontar profesionais doutros sectores (xornalistas, arquitectos...) para adaptarse ao novo contexto dixital. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado neste ano entre o CPEIG e a Amtega.