Pasar al contenido principal

Olimpíada Mundial de Robótica (WRO) A Coruña 2015

WRO

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Compañía de María de A Coruña e maila súa ANPA e ARKITAS ROBÓTICA, Primeiro Centro de Formación en Robótica e Programación de A Coruña, organizan para o vindeiro 20 de xuño a 1ª Edición Galega da World Robot Olympiad (WRO).

A competición, dirixida a rapaces e rapazas dende os 7 até os 19 anos, desenvolverase en torno a tres categorías diferentes onde terán que montar e programar os robots en directo e competir por equipos en tres retos diferentes. Os equipos que superen a fase local irán á nacional en Barcelona o próximo 11 de outubro. A final internacional este ano celebrarase en Doha, Catar, os días 6 e 8 de novembro.

Por primeira vez, A Coruña acollerá a competición de robótica WRO (World Robot Olympiad), unha divertida e desafiante olimpíada de robótica para rapaces e rapazas de entre 7 e 19 anos onde os participantes terán a oportunidade de vivir unha experiencia única con proxección internacional.

Os nosos "nativos dixitais" poderán amosar as súas habilidades á hora de construír e poñer en movemento os seus robots nun tempo récord na primeira edición local da competición Internacional de Robótica World Robot Olympiad (WRO).

Co apoio do CPEIG e o patrocinio, entre outras organizacións, de Cetronics A Coruña e da Obra Social La Caixa, ARKITAS ROBÓTICA,  socio local da WORLD ROBOT OLYMPIAD, organiza o vindeiro 20 de xuño a Primeira Edición en Galicia da Olimpíada Mundial de Robótica (WRO), xunto co Colexio Compañía de María de A Coruña, a súa ANPA, alén da Fundación EducaBot, entidade organizadora da WRO nacional.

A WRO, que xa conta con 10 anos de percorrido, celebrou a súa primeira competición de robótica no ano 2004 e nela participaron 12 países e 4.000 equipos. En 2013, foron máis de 42 países e en torno a 20.000 equipos de todo o mundo os que competiron nas actividades de competicións locais, rexionais e nacionais.

Ao longo do 2015, celebraranse torneos nas cidades de: A Coruña, Barcelona, Burgos, Girona, Jaén, La Rioja, Las Palmas, Lleida, Madrid, Málaga, Murcia, San Sebastián, Tenerife, Valencia e Vic.

A final internacional, á que accederán os equipos que gañen as competicións a escala nacional, celebrarase este ano en Doha, Catar, os días 6 e 8 de novembro.

INFORMACIÓN DE INTERESE

Lugar e data

O vindeiro 20 de xuño terá lugar a 1ª edición en Galicia da WORLD ROBOT OLYMPIAD (WRO) no pavillón de deportes do Colexio Compañía de María de A Coruña (Avda. de Calvo Sotelo, 2-4).

Os retos

Celebraranse competicións por retos e categorías con robots EV3 ou NXT dirixidas a rapaces e rapazas dende 7 até 12 anos (Regular-Elementary) e de 13 a 15 anos (Regular-Junior High).

Tamén terá lugar o desafío WRO GEN II FOOTBALL que inclúe unha categoría única de 10 a 19 anos.

Máis información sobre os retos en:

http://www.wroboto.es/index.php/los-desafios

Fases

O equipo que gañe a fase local terá a oportunidade de participar na nacional o 11 de outubro en Barcelona e, no caso de se clasificaren na nacional, o premio consistirá en competir na fase final que este ano se celebrará en Doha (Catar).

Premio

Todos os nenos e nenas que concursen na WRO recibirán un premio en recoñecemento á súa participación e esforzo.

O premio para os equipos gañadores de cada unha das 3 categorías consistirá nun cheque regalo por un importe de 1.500 € que se outorgará aos centros escolares correspondentes e que se destinará a axudar aos devanditos centros a sufragar os gastos para a participación dos seus alumnos na fase nacional o vindeiro 11 de outubro no centro Cosmocaixa en Barcelona.

Inscricións

Para formalizar as inscricións, os centros escolares poderán dirixirse á páxina da WRO:

http://www.wroboto.es/index.php/inscripciones

Información

Para calquera outra información en relación coa WRO, poden dirixirse a: http://www.wroboto.es/ ou poñerse en contacto con ARKITAS en info@arkitas.es