Con motivo do Día de Internet, que terá lugar o vindeiro día 17 de maio, a entidade Red.es, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, está a preparar (como vén sendo habitual nos últimos anos) diferentes actividades para conmemorar a chegada da Rede de Redes ás nosas vidas, entre as que cabe destacar a convocatoria dun concurso para webs con dominio .es que inclúan artigos sobre a temática: Como as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) me axudaron a integrarme na sociedade; como melloraron a miña calidade de vida.
Nel poderán participar tódalas páxinas con dominio .es tales como webs, blogs, miniblogs, fotoblogs, videoblogs, wikis ou calquera outro formato que estean enfocadas a algún dos tres colectivos aos que se dirixe o devandito concurso: maiores de 65 anos, inmigrantes e persoas discapacitadas.
O prazo para o envío das propostas remata o vindeiro día 12 de maio e os correos electrónicos dispoñibles para tal efecto son os seguintes:
- ddi08mayores@red.es (para artigos sobre maiores)
- ddi08inmigrantes@red.es (para os que versan sobre inmigrantes
- ddi08discapacitados@red.es (para artigos enfocados ás persoas con discapacidade).
O nome dos premiados darase a coñecer o día 13 de maio na sede da Casa de América en Madrid, o lugar escollido por Red.es para centralizar os actos previos ó Día de Internet.