Pasar al contenido principal

O CPEIG impartiu unha charla sobre seguridade na rede para Down Compostela

Símbolo do CPEIG

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, impartiu o venres 29 de maio unha charla informativa sobre seguridade na rede na Fundación Down Compostela. A iniciativa ten como obxectivo formar os usuarios e usuarias do servizo de Inclusión Social e Laboral da Fundación, no marco da aposta de Down Compostela polo uso das novas tecnoloxías para mellorar a capacidade de aprendizaxe, comunicativa e de inclusión das persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual.

Trátase así de formar este colectivo cos coñecementos necesarios para optar a un posto de traballo nunha contorna normalizada, na que hoxe en día, o manexo da rede resulta imprescindible. Neste marco de acción, Down Compostela contactou co CPEIG para "poder aproveitar os recursos que nos ofrece e que nos axuden a concienciar os nosos usuarios e usuarias da necesidades de adoptar as medidas de seguridade axeitadas no uso das novas tecnoloxías".

Segundo sinalan desde a Fundación, Down Compostela xa traballa para que os seus 105 usuarios melloren a súas habilidades e se desenvolvan coas novas tecnoloxías de acordo coa idade de cada un deles. A charla informativa impartida por Fernando Suárez é un pulo máis, ao permitirlle a este colectivo recibir dun experto na materia as mellores recomendacións para facer un uso correcto e seguro da rede.

Sobre Down Compostela

A Fundación Down Compostela é unha Organización non Gobernamental (ONG) que ten como obxectivo a promoción e realización de actividades a prol da mellora das condicións e da calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, procurando a súa plena integración familiar, escolar, social e laboral; e o desenvolvemento dunha vida normal, nun marco de solidariedade respecto doutras discapacidades, con atención ao disposto na Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Na actualidade, a Fundación Down Compostela préstalles atención na súa sede de Conxo a 105 persoas con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, e ás súas familias, que residen nuns trinta concellos da área de influencia de Santiago de Compostela. No Padroado da Fundación, que preside Juan Martínez, están representados, ademais da propia Asociación, o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago.

Nos últimos anos vén realizando un amplo programa de actividades que se poden consultar na súa web www.downcompostela.org na sección de transparencia (neste link)