Pasar al contenido principal

Unha gran gala para un colectivo profesional clave na sociedade da información

Logotipo VII Noite

Preparamos xa unha nova edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, na que aspiramos a incrementar a asistencia das nosas colexiadas e colexiados, reforzar o espírito de sentírmonos membros dunha mesma profesión e divertirnos un bo rato.

En cada edición, e xa estamos preto da sétima, desde a Xunta de Goberno do CPEIG procuramos mellorar a anterior gala. Desta vez contaremos cun espectáculo de maxia, ademais da presentación e actuación de Dani Delacámara e unha chea de sorpresas e xogos que poderes compartir coas vosas amizades durante o tempo do cóctel previo á entrega dos premios.

En relación aos galardoados da presente edición da Noite, estas son as entidades, persoas e empresas distinguidas polas enxeñeiras e enxeñeiros informáticos galegos na edición de 2015:

  • Premio e-Inclusión: Grupo Promedia, pola súa aposta pola integración, a través das novas tecnoloxías, das persoas con diferentes problemas da linguaxe.
  • Premio Proxecto Fin de Carreira: pendente de fallo.
  • Premio Iniciativa Emprendedora: Teimas Desenvolvemento, empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que leva adiante a súa actividade no sector ambiental.
  • Premio Iniciativa da Administración: Colaboración da Amtega e a Consellería de Educación na realización do "Estudo sobre os Factores Influentes na Elección de Estudos Científicos, Tecnolóxicos e Matemáticos".
  • Premio Traxectoria Profesional: Benigno Rosón, subidrector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
  • Colexiado de Honra: Miguel Anxo Ríos Fernández, presidente da Real Academia Galega das Ciencias.
  • Premio Apoio á Iniciativa Emprendedora: Telefónica Galicia Open Future, proxecto tractor que, mediante a convocatoria de emprendedores, impulsa a innovación tecnolóxica en sectores estratéxicos para Galicia.
  • Premio Ada Byron: Eva Dafonte, enxeñeira superior informática que traballa na actualidade na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra.

Este ano contamos cun maior número de patrocinadores, un feito que dá conta do interese crecente que suscita o noso colectivo entre o empresariado e as institucións. Como patrocinadores ouro: Altia, Bahía Software, Cluster TIC Galicia, Emetel, Epson, Everis, HP-Intel, Indra, Oracle, Plexus, Telefónica, Vodafone e Xunta de Galicia.

Como patrocinadores prata: Acuntia, Agasol, Atos, Avaya, Balidea, Cisco, Concello de Santiago, Deputación de Pontevera, IBM, Idom, Ilux, Inforhouse, Inycom, Kaspersky, Microsoft-Solidq, Tecnocom e Telvent.

Vémonos o 26 de xuño para celebrarmos a "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia".