Pasar al contenido principal

Economía e Industria destaca a CPI como chave para axudar ás empresas a desenvolver novos produtos de vangarda e comercializalos

Logo CPEIG

Santiago, 3 de xullo de 2015.- O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, destacou onte a compra pública innovadora como unha técnica de contratación clave para axudar ás empresas galegas a desenvolver novos produtos de vangarda e comercializalos. Varela participou na inauguración dunha xornada sobre esta técnica de contratación, organizada polo CPEIG e o Clúster TIC, e defendeu que o feito de que a administración merque un produto innovador para resolver unha necesidade ten unha tripla vantaxe: dota ao sector público dunha tecnoloxía que facilita o servizo ao cidadán; permite a unha empresa galega que vén de investir no desenvolvemento dun proxecto de vangarda acadar a primeira venda, amortizando parte do investimento; e permite ademais amosar que o produto funciona, abrindo a porta á súa comercialización en todo o mundo, e contribuíndo así á boa marcha das exportacións da comunidade.

Son esas tres vantaxes as que, sinalou o director de Gain, impulsaron a forte aposta que Galicia fixo pola CPI "ata consolidarnos como líderes a nivel nacional no eido da compra pública innovadora", en parte grazas a acordos como os asinados por Gain con institucións como o Sergas, o Concello da Coruña e as tres universidades galegas para impulsar esta práctica. Varela fixo un chamamento a "incorporar a máis administracións a esta práctica, que tantos beneficios ten dado a Galicia nos últimos anos, e que crecerá aínda máis ata 2020". Neste senso, lembrou que os fondos que o Estado destina a compra pública innovadora en Galicia se multiplicarán ata 2020. "O Estado xa reservou unha importante cantidade para Galicia, que serán complementados con fondos da comunidade autónoma", avanzou Varela.

Neste senso, o director de Gain sinalou que a compra pública innovadora está moi presente na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3, que vén de mobilizar máis de 200 millóns no último ano e que mobilizará 1.600 millóns de euros ata 2020, guiando todo o investimento innovador galego. E lembrou que a compra pública innovadora é un dos piares do proxecto para a posta en marcha dun polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados configurado en torno ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas. Neste senso, apuntou que a Xunta dedicará 45 millóns á compra pública innovadora de tecnoloxías neste ámbito.