Pasar al contenido principal

O alcalde da Coruña recibiu en audiencia o presidente do CPEIG

Reunion Alcalde Coruna

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, entrevistouse o pasado día 8 de xullo co alcalde da cidade da Coruña, Xulio Ferreiro Baamonde.

Na xuntanza mantida ambos os dous interlocutores coincidiron na oportunidade que representan as Cidades Intelixentes como revulsivo para o sector tecnolóxico. Ferreiro e Suárez acordaron afondar, en posteriores encontros, nesa idea ata concretar proxectos nos que o Colexio poida facer achegas de interese para a cidade herculina.

Ademais,  Fernando Suárez  presentoulle o colexio ao alcalde e trasladoulle as inquietudes do colectivo de enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, así como as súas reivindicacións como profesionais e o papel  primordial que desempeñan no desenvolvemento da sociedade da información.

No transcurso da entrevista, que se celebrou nun ton moi amigable nas dependencias da Casa do Concello en María Pita, o máximo representante do CPEIG convidou a Ferreiro a contar co colexio naquelas iniciativas innovadoras que estime de interese.