Pasar al contenido principal

Riscos e vantaxes das novas tecnoloxías e obradoiros para grandes e pequenos, hoxe sábado na Cidade da Cultura

Logo Rapaciñ@s

Santiago de Compostela, 2 de outubrode 2015.- Hoxe sábado, 3 de outubro, o Salón 1 do Edificio Cinc da Cidade da Cultura de Galicia e os espazos lindeiros acollerán o arrinque das xornadas Rapaciñ@s, "A tecnoloxía ben segura", impulsadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Rapaciñ@s consta dunha serie de charlas informativas que percorrerá Galicia da man das colexiadas e colexiados do CPEIG e que dará comezo co gran evento programado na Cidade da Cultura. Familias e tamén docentes atoparán información e recursos de interese, namentres as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que se divirtan e aprendan.

Para asistir ás conferencias e obradoiros do sábado non é necesaria inscrición previa e as prazas cubriranse por orde de chegada.

Programa

Xornada para nais e pais 

  • Lugar: Salón 1 do Edificio Cinc da Cidade da Cultura 
  • Horario: 16:45 H. – 20:00 H.
  • Obxectivo: análise do uso que fan os menores da Internet e dos seus riscos desde diferentes perspectivas. Instrumentos de apoio ás familias para previr  riscos.

16.45 H. Benvida e presentación da xornada.

17.00 H. Enrique Dans, "Nenos, Rede e futuro: o perigo está en non estar". Profesor de Sistemas de Información en IE Business School desde o ano 1990, Dans é doutor en Management, especialidade en Information Systems pola Universidade de California (UCLA), MBA polo IE Business School, licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, e cursou estudos postdoutorais en Harvard Business School. As súas investigacións céntranse nos efectos das novas tecnoloxías en persoas e empresas.

18.30H. Rocío Ramos-Paúl: "Educar na era dixital". Licenciada en Psicoloxía,  Máster en Psicoloxía Clínica e educadora de menores, Rocío Ramos-Paúl conduce desde 2006 un programa de televisión co obxectivo de amosar directrices educativas. É autora de "Manual de Supernanny" (Santillana), "Aprendiendo a enseñar" (Paraninfo), "Mi hijo no come" (Aguilar) e "Niños desobedientes, padres desesperados" (Aguilar)

Obradoiros para nen@s

  • Obxectivo: Ofrecerlles aos menores actividades relacionadas coas novas tecnoloxías nas que se combinan o aspecto lúdico co didáctico.
  • Idades recomendadas: de 8 a 14 anos.
  • Horario: De 16.30 H. a 20.00 H.
  • Temáticas: navegación segura e creatividade tecnolóxica. 
    • Makey-makey (robótica para nen@s).
    • Protección de datos.
    • Realidade aumentada.
    • Usos sen riscos de Internet e telefonía móbil.
    • Minecraft.
    • Lego.
  • Lugar: Espazos lindeiros ao Salón 1 do Edificio Cinc.
  • Empresas encargadas dos obradoiros: Bq,  Imaxin Software, Tech Academy e Vodafone-Pantallas Amigas.  

Sobre o CPEIG

O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.