Pasar al contenido principal

O sector das TIC segue a gañar peso na economía do país

logotipo do Observatorio Galego da Sociedade de Información (OGSI)

O Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) publica un amplo estudo sobre as empresas do sector das tecnoloxías da información e da comunicación en Galiza. O traballo, "Enquisa a Empresas do sector TIC sobre a Sociedade da Información en Galiza no ano 2007", forma parte dunha iniciativa para medir o impacto do PEGSI na sociedade galega.

No documento constátase que as actividades relacionadas coas TIC están a gañar peso na economía do país. Así, a cifra media de negocios do sector situouse no ano 2006 por riba de 1,9 millóns de euros, cun crecemento do 17,4% con respecto ao ano anterior. A actividade principal é o desenvolvemento de produtos software, seguido de servizos de consultaría e software, integración de sistemas de información e, finalmente, servizos de mantemento e outsourcing.

Outro dos datos que se salientan no informe é que o volume de negocio das empresas TIC de Galiza segue a proceder maioritariamente da súa actividade no mercado interno, e só o 29% procede de fóra do país.

No referente ao equipamento e servizos, practicamente todas as empresas TIC do país dispoñen de acceso a internet, e delas o 91,7% faino mediante conexións de banda larga, maioritariamente ADSL. Máis do 83% dispón de páxina web, aínda que un 10% delas están aínda en construción.

Os informes desta enquisa están á disposición da cidadanía na web do OGSI.